domingo, 19 de xaneiro de 2025

AS AVES DE COMPOSTELA

 

O alumnado de 5º de primaria asistiu no mes de decembro  ao obradoiro “As aves de Compostela” organizada polo Concello de Santiago no Centro de interpretación dos Parques e Xardíns de Compostela en Belvís dentro das actividades medioambientais programadas para este curso para educación primaria. O alumnado descubriu a fauna avícola que podemos observar e escoitar en calquera parque ou xardíns da cidade, as súas características e dificultades para sobrevivir. Elaboraron comedeiros para que poidan pasar mellor os meses de escaseza de alimento e os colocaron en diferentes zonas do parque.



 

 

 



















UNHA AMEAZA CHEGADA DUN ESPAZO EXTERIOR. A FLORA EXÓTICA INVASORA NO CURSO MEDIO DOS RÍOS GALEGOS.

 Este foi o título da exposición que se montou no mes de decembro na aula Ana María Prieto do colexio en colaboración coa Asociación Medioambiental AMABUL. A exposición contaba con 16 paneis onde se trataba de realizar un achegamento didáctico activo á problemática das  Plantas Exóticas Invasoras (PEI) nos ecosistemas fluviais galegos. O alumnado de 4º e 5º de primaria ademais de visitar a exposición, levaron a cabo un obradoiro cunha educadora medioambiental para tratar entre outros aspectos a distinguir conceptos como autóctono, alóctono, endémico, invasor e exótico. A comprender os principais métodos de introdución e propagación das PEI; a recoñecer a función ecolóxica das plantas autóctonas e do bosque de ribeira e a tomar conciencia da problemática ambiental relativa ás PEI así  como a interiorizar a necesidade de actuar para atenuar/reverter a problemática das PEI. Realizaron xogos en pequenos equipos para poñer en práctica toda a información descuberta comprobando se entenderan correctamente a información e resolvendo posibles dúbidas.

Para afondar máis sobre o tema podedes consultar na páxina de AMABUL onde podedes ler e traballar sobre a unidade didáctico ambiental sobre a flora exótica invasora no curso medio dos ríos galegos que facilitan gratuitamente en formato PDF. https://www.amabul.org

Miriam, educadora medioambiental de Amabul, explicando

Inicio do xogo, pensando por onde empezar

Completando o panel, xurden dúbidas.

Panel completado, verificación das respostas.

PEQUENAS XARDINEIRAS E PEQUENOS XARDINEIROS.

 

“O xardín do Ferreiro” cada día loce máis bonito grazas en parte aos coidados da Patrulla Verde así como pola  valiosa axuda das xardineiras e xardineiros de infantil que son moi traballadores. Sementaron bulbos de inverno como iris, xacintos, narcisos e plantas moi coloridas coma os kalanchoes e ciclamenes. Este xardín vai sendo marabilloso e nun par de meses comprobaremos se van nacendo as flores.

Aireando a terra antes de sementar






COMEZAMOS: PATRULLAS VERDES


 

O equipo de medio ambiente este curso 2024/25 ten unha complicación maior para levar adiante o seu proxecto pois de momento non podemos dispoñer do espazo ”O horto do Ferreiro” por estar esa zona en obras pola colocación dun novo ascensor. Ante as dificultades atopamos outras solucións alternativas para poder desenvolver todos os obxectivos relacionados co horto e a natureza. As patrullas verdes, formadas por alumnado voluntario de 4º e 5º de primaria, ocuparanse de manter coidados os recantos verdes dos corredores así como das novas zonas naturais, unha situada no fondo sur do patio de columnas no que estamos creando un xardín, “O xardín do Ferreiro” e outra que consiste nun mini-horto (caixón madeira) no patio de infantil no que sementaremos plantas e hortalizas coma porros, escarola, coliflor, brócoli e cebolas. 

 

PROXECTO FERREIRO EN VERDE